Menú

A LENDA DO BOI

Todas e todos sabemos que debaixo da lagoa do Carregal, entre Artes e Olveira, hai unha lexendaria aldea, vila ou cidade asolagada. Segundo unhas versións o seu nome era Valverde, e segundo outras Reirís. O que conta a lenda que xeración tras xeración nos foron transmitindo é que esa poboación quedou somerxida, e nela habitaban mouros vencidos por Carlomagno. Esta é unha pasaxe épica da que xa se fala no propio Códice Calixtino. A cuestión é que, seguindo coa lenda, a ese asolagamento sobreviviu un boi (un boi mamífero, o macho da vaca, neste caso non un boi de mar). E disque ese boi puido ser quen provocou o asolagamento de Valverde, pois seica é un mouro encantado. Aínda hoxe, de vez en cando, se poden oír os seus berros, e incluso as burbullas da súa respiración no Carregal. Deses berros, bramidos, ruxidos ou bruídos é de onde vén o seu nome. Do moito que bruaba, e brúa, quedoulle o nome de Boi Bruón. E, de todo iso, da tradición, da transmisión interxeracional, da historia de Artes, da lenda e do moito que imos bruar é de onde tomamos o nome do noso festival: Bruón Folk Fest.

XORNADAS

O festival de Bruón Folk Fest trancorre ao longo de duas xornadas que inclúen diversas actividades pensadas para todos os públicos. A programación contempla, dende unha mesa redonda con persoeiros relevantes da música, a cultura e as letras, ata seráns e actuacións musicais en directo, dando deste xeito cabida, tanto a asociacións e agrupacións culturais de carácter aficionado como a bandas profesionais. En todas as edicións, tómase como referencia a temática das letras galegas dese ano, sobre todo na mesa redonda, xa que o festival celébrase sempre en datas próximas a esta celebración e ten a súa orixe nos seráns que a Asociación Os Liantes viña celebrando en anos precedentes con esa mesma temática. E innegable o vínculo que existe entre as diferentes manifestacións culturáis e artísticas a través das cales as persoas nos expresamos: a música, a literatura, a artesanía, … todas elas teñen cabida no Bruón Folk Fest.

COLABORACIÓNS

O Bruón Folk Fest conta cunha serie de colaboracións que permiten a celebración do evento: O Centro Recreativo e Cultural de Artes colabora cedendo as súas instalacións interiores e exteriores, proporcionando o espazo ideal para as actividades do festival. A colaboración da Asociación Alvariza, tanto a nivel estratéxico como operativo, é fundamental para que o festival poida ter lugar. O festival conta ademáis co respaldo de entidades públicas, tanto a nivel local, co Concello de Ribeira, como provincial, coa Deputación da Coruña, que axudan a fomentar a cultura galega e a tradición. Sempre nos sentimos arroupados polo resto das asociacións e agrupacións da comarca que acoden a participar tanto no serán de adultos como no do Bruonciño. E por suposto, contamos coa colaboración de donantes, patrocinadores e colaboradores privados sen os cales, o festival non podería ter lugar no formato no que se está celebrando actualmente.

TALLERES VARIADOS

O Bruón Folk Fest ofrece unha ampla variedade de obradoiros durante a súa celebración, que inclúen dende a elaboración de obxectos de artesanía até o baile tradicional galego. Tamén se organizan mostras da man de artesáns que aunan tradición e modernidade. A inclusión dos máis pequenos a través da proposta Bruonciño é unha das prioridades do festival, e por iso, ofrecemos actividades adaptadas e orientadas ao público infantil.

MERCADO E GASTRONOMÍA

O festival conta cun espazo dedicado ao mercado de artesanía, onde se poden encontrar postos con produtos tradicionais e feitos a man. A zona de gastronomía tamén está presente, con servizos como a carpa pulpeira e servicio de barra, para que os asistentes poidan experiementar unha completa experiencia festiva, desfrutando da boa comida e bebida mentres gozan da programación.


CARTAZ 2025

================== -->

AQUÍ BRUAMOS

ONDE PASTA O BOI

Centro Recreativo de Artes
15960 Ribeira
A Coruña

MANDA UNHA CARTA

info@bruonfolk.gal

OU FAI SOAR O TELÉFONO

622 275 178